Convocatoria Programa Mobilidade Ourense Exterior 2012/2013
11/05/2012
As bolsas e axudas á formación son un dos instrumentos que contribúen de forma máis directa á realización efectiva do principio de igualdade de oportunidades. Para acadar esta finalidade, xurde este Programa, enmarcado no Convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Universidade de Vigo
As bolsas “OURENSE EXTERIOR” contribúen á oferta de formación educativa superior para cidadáns españois residentes no exterior e para cidadáns estranxeiros, e constitúe un instrumento destacado para favorecer a proxección internacional do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, toda vez que os fluxos de estudantes internacionais son un indicador de calidade educativa dunha Institución Universitaria
“OURENSE EXTERIOR” pon en valor os factores que contribúen a unha maior internacionalización da Universidade de Vigo, Campus de Ourense: a calidade do sistema universitario, a universalidade dos idiomas oficiais galego e castelán, e a existencia de vínculos histórico-familiares moi definidos, que promoven unha grande identificación con Galicia.
O obxecto destas bases é a regulación da tramitación e concesión de 10 bolsas individuais, para cursar estudos universitarios de primeiro curso de Master oficial, en matricula ordinaria, nas diferentes titulacións de posgrao presenciais que se imparten no Campus de Ourense da Universidade de Vigo e terceiro de grao para cursar estudos no Campus de Ourense da Universidade de Vigo a aqueles alumnos/as que xa se beneficiaron dunha bolsa “OURENSE EXTERIOR” no curso 2010/11 e 2011/12
A finalidade é axudar aos cidadáns que residan no exterior a cursar estudos universitarios na Universidade de Vigo, Campus de Ourense e a potenciar o Campus de Ourense. As bolsas terán como finalidade axudar a sufragar os gastos derivados dos estudos (taxas académicas), da estadía, manutención e da viaxe de ida e volta o lugar de residencia no estranxeiro.
Poderán ser beneficiarios deste programa os cidadáns residentes no exterior que queiran cursar na Universidade de Vigo, Campus de Ourense, primeiro de Master oficial nas diferentes titulacións de posgrao presenciais, en matricula ordinaria, que se imparten no Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Igualmente poderán ser beneficiarios/as destas bolsas aquelas persoas que acadaron unha bolsa para cursar primeiro e segundo de grao no marco deste mesmo programa na edición dos anos 2010/2011 e 2011/2012, respectivamente. Neste caso, poderán solicitar esta bolsa para cursar o terceiro de grao no campus de Ourense da Universidade de Vigo.
O prazo improrrogable de presentación será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.
Tríptico
Convocatoria completa
Máis información en: http://ourenseexterior.depourense.es/