cultura

Os Estatutos da Universidade de Vigo recollen no seu articulado varias referencias á necesidade de fomentar, difundir e facilitar a cultura e o acceso á mesma. Concretamente, na Sección Quinta “Do deporte, a extensión universitaria e a cooperación internacional” o artigo 109 di: “A universidade arbitrará os medios necesarios para potenciar o seu compromiso coa reflexión intelectual, a creación e a difusión da cultura, en especial a galega. Promoverá o achegamento das culturas humanística e científica e esforzarase por lle transmitir o coñecemento á sociedade mediante a divulgación da ciencia”.

A oficina de actividades culturais, integrada na Vicerreitoría do campus de Ourense, é a responsable da programación e da xestión cultural no seu ámbito e da difusión das actividades culturais entre a comunidade universitaria e tamén no seu entorno.

A programación estable e de produción propia conta con 5 ámbitos de traballo fundamentais: os obradoiros e cursos de extensión universitaria, as Aulas de teatro e danza, a Sala Alterarte, o Coro universitario do campus de Ourense e o programa Unison. A permeabilidade entre a comunidade universitaria e a sociedade na que está integrada é o fío condutor nestes ámbitos.

Hai máis, o Outono fotográfico, o Festival Internacional de Teatro de Ourense, os Encontros literarios, o Portugués perto, o cinema, …e sempre traballando da man con outras entidades culturais, públicas e privadas, o Liceo de Ourense, o Cineclube Padre Feijoo, Sarabela, AGAL, …

Queremos contar con todas e todos vós para seguir programando, promocionando e difundindo cultura.


Oficina de Actividades Culturais

Edificio administrativo | 988 387 219 | culturavicou@uvigo.es

|