cultura

O campus de Ourense conta cunha Aula de Teatro consolidada que se encarga da organización dos Obradoiros de Teatro e de dúas citas de referencia cultural na cidade, como son a MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario) e a MOTI (Mostra de Teatro Infantil).


MITEU


A Mostra Internacional de Teatro Universitario pretende potenciar o intercambio artístico e humano entre grupos galegos e grupos da Península Ibérica ou de fóra dela. Ao remate das funcións establécese un coloquio sobre a obra e sobre os procesos de ensaios e as distintas xestións dos grupos universitarios. Este coloquio, cos anos e co incremento das representacións transfórmase nun punto de encontro ao remate das funcións onde coincidan compañías e espectadores.

Co paso dos anos e as edicións, a MITEU vai transformándose nun conglomerado cultural cun núcleo de teatro universitario pero cun incremento considerable na programación de teatro profesional unido a concertos, exposicións, conferencias, encontros, cursos, animacións… Rúa, Auditorio, Teatro Principal, Campus, locais, reciben á MITEU. Música, danza, circo, maxia, cine … encontran cabida na Mostra que se achega ás 30 actividades programadas en cada edición.


Visita a web da MITEU | Programa 22ª MITEU

Histórico de Programas:
2016, 2015, 2014, 2013, 2012, 2011, 2010, 2009, 2008, 2007, 2006, 2005

MITEU 2017
 

MOTI


É tempo de Nadal e un ano máis a Mostra de Teatro Infantil de Ourense Moti volve á programación cultural da cidade para encher de fantasía o tempo de ocio dos máis cativos e cativas. A 13 edición deste certame celebrarase na semana do 26 ao 30 de decembro, aínda que para abrir boca haberá un espectáculo de rúa o día 18. Serán en total de 16 compañías e 18 representacións as que se levarán a cabo en diferentes escenarios da cidade. Un ano máis o campus de Ourense volve a ter un protagonismo destacado, xa que ademais de ser unha das entidades que financia a cita acollerá nas súas instalacións varios dos seus espectáculos e a súa Aula Universitaria de Teatro Infantil Gepetto estreará nela a súa última produción.

José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense; Belén Iglesias, concelleira de Cultura; Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense, e Fernando Dacosta, director da Moti, foron os encargados de presentar este venres no Edificio de Ferro a programación desta 13ª Moti. Dela, José María Faílde salientou como “cada nova edición supón un reforzo da estreita colaboración que este campus mantén con outras institucións no traballo a prol da comunidade”. A mostra, recalcou Belén Iglesias, é “o complemento perfecto para as actividades de Nadal”, subliñando Olga Mojón está destinada “ao público infantil e familiar”.

Segundo destacou Fernando Dacosta, a Moti contará este ano con 16 compañías, procedentes a metade delas de Galicia e o resto de Cataluña, País Vasco, Madrid, Asturias, Arxentina e Portugal. Elas serán as encargadas de ofrecer 18 representacións de diferente formato, desde teatro para bebés a circo contemporáneo, e un concerto. Tamén haberá obradoiros relacionados con compañías ou obras presentadas e xogos artesáns. Entre os espectáculos que se poderán ver estarán Moby Dick, de Teatro Gorakada, e Sinergia, de Nueveuno. Para moitos nenos e nenas, recalcou o director da cita, a Moti é "o seu primeiro contacto co teatro", polo que destacou a resposabilidade que isto supón de cara a conseguir a súa fidelización como público teatral.


Visita a web da MOTI | Programa 13ª MOTI

Histórico de Programas:
2015, 2014, 2013, 2012, 2011, 2010, 2009, 2008, 2007, 2006, 2005, 2004

MOTI 2016