goberno

Reitor
No nome do Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e no meu propio, douche a benvida á web da Vicerreitoría do Campus de Ourense, na que atoparás información de interese en relación co Campus Universitario de Ourense.

No Campus de Ourense impártense actualmente 16 títulos de grao, 13 mestrados universitarios, e 6 programas de doutoramento nun total de oito centros, que abarcan todos os ámbitos de coñecemento. Así, o Campus de Ourense conta cunha Facultade de Historia, no ámbito das humanidades, coas Facultades de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo, Ciencias da Educación, no ámbito xurídico-social, coa Facultade de Ciencias, no ámbito científico e tecnolóxico, no que xunto coa Escola Superior de Enxeñería Informática se incorpora como unha das grandes novidades a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo. Ademais, conta coa Escola de Enfermería, centro adscrito universitario. Cómpre salientar que neste Campus se ofertan simultaneidades de estudos entre o Grao en Dereito e o Grao en ADE, así como o Grao en Informática e o grao en ADE, o que lle confire singularidade dentro do sistema universitario de Galicia.

Xunto coa formación universitaria, o Campus de Ourense destaca pola súa intensa actividade investigadora, como o demostra o feito de albergar a 44 grupos de investigación que desenvolven con carácter permanente o seu traballo nas instalacións do Campus, así como no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, moi próximo á cidade e que conta con instalacións e equipamentos de primeiro nivel.

A Universidade de Vigo é unha institución comprometida co territorio no que se insire e cos seus signos de identidade, o que se pon de manifesto nunha intensa actividade cultural desenvolvida nos seus tres Campus, Vigo, Pontevedra e Ourense. Neste último, outórgase especial importancia ás artes escénicas, que contan en Ourense e as súas comarcas máis próximas cunha fonda tradición, como queda reflectido nas aulas de Teatro, e nos festivais dinamizados dende este campus universitario (FITO, MOTI e MITEU). Engádese neste apartado a aula de Danza contemporánea e a aula de Música tradicional. O compromiso coa cultura galega cristaliza no programa anual UNISON, así como no espazo aberto dende hai máis de dez anos ás artes plásticas e que constitúe xa un referente a nivel estatal: a Sala Alterarte.

Outro dos obxectivos que nos propoñemos dende esta Universidade e, en particular, dende este campus universitario, é fomentar a práctica do deporte e os hábitos de vida saudables. Para iso, o noso Campus conta con extraordinarias instalacións deportivas que permiten o exercicio de case que todas as modalidades deportivas ao longo de todo o ano. Dispoñemos dun campo de rugby-fútbol, con pistas de atletismo exteriores homologadas, dúas pistas de tenis, así como un pavillón polideportivo con ximnasio propio. Ademais, contamos cunha piscina cuberta, instalación que se complementa tamén con ximnasio e salas multifunción.

No Campus de Ourense traballamos na actualidade máis de catrocentas persoas de plantilla, que damos servizo directo a máis de 4.500 estudantes procedentes de Ourense cidade, de diferentes comarcas e doutras partes do territorio galego, ademais de recibir estudantes doutras partes do Estado, así como de universidades estranxeiras. Somos pois un colectivo de 5.000 persoas que fan do Campus de Ourense un lugar vivo, en constante movemento, á vez que dinamizan a cidade e a provincia. Pero somos un campus aberto ás demais partes do territorio de Ourense, sabedores de que debemos estar presentes noutros Concellos e noutras comarcas, abertos a colaborar alí onde se nos requira, ao servizo da mellora continúa dos nosos sectores produtivos, á disposición da cidadanía para traballar a prol do ben común coas nosas mellores armas: a educación, a investigación e a transferencia de coñecemento.

Precisamente, por lealdade co territorio ao que pertencemos e ao que nos debemos, o Campus de Ourense apostou pola súa especialización no chamado Campus da Auga, co que pretendemos aproveitar as potencialidades endóxenas e esóxenas do territorio no que nos inserimos e das persoas que nel habitamos, e sermos complementarios cos demais actores do Sistema Universitario de Galicia. Xa que logo, contamos contigo para facermos un Campus de Ourense máis forte, que axude a seguir construíndo a Universidade do Sur máis grande, que aporte máis e mellor a Galicia no seu conxunto.

En Ourense, a 1 de xullo de 2016


Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense

| | |