banner

É tempo de Nadal e un ano máis a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (MOTI) volve á programación cultural da cidade para encher de fantasía o tempo de ocio dos máis cativos e cativas. A 13 edición deste certame celebrarase na semana do 26 ao 30 de decembro, aínda que para abrir boca haberá un espectáculo de rúa o día 18. Serán en total de 16 compañías e 18 representacións as que se levarán a cabo en diferentes escenarios da cidade. Un ano máis o campus de Ourense volve a ter un protagonismo destacado, xa que ademais de ser unha das entidades que financia a cita acollerá nas súas instalacións varios dos seus espectáculos e a súa Aula Universitaria de Teatro Infantil Gepetto estreará nela a súa última produción.

José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense; Belén Iglesias, concelleira de Cultura; Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense, e Fernando Dacosta, director da Moti, foron os encargados de presentar este venres no Edificio de Ferro a programación desta 13ª Moti. Dela, José María Faílde salientou como “cada nova edición supón un reforzo da estreita colaboración que este campus mantén con outras institucións no traballo a prol da comunidade”. A mostra, recalcou Belén Iglesias, é “o complemento perfecto para as actividades de Nadal”, subliñando Olga Mojón está destinada “ao público infantil e familiar”.


Ler a nova completa no DUVI

Programa da MOTI 2016

MOTI 2016