banner

Cociña saudable, interpretación do patrimonio, comunicación con perspectiva de xénero, deportes electrónicos, programación, observación astronómica, gaita, baile tradicional, teatro e danza. Estes son, en liñas xerais, as temáticas dos obradoiros e aulas que este cuadrimestre se ofertarán no campus de Ourense e aos que se poden apuntar tanto membros da comunidade universitarias como cidadáns alleos a ela interesados. A matrícula está aberta do 30 de xaneiro ao 10 de febreiro.


Novidades e actualizacións

Entre as novidades deste cuadrimestre está o obradoiro "O que non se nomea non existe? Comunicación e radio con perspectiva de xénero", a cargo de Iria Vázquez e Mar F. Cendón. Este curso “pretende rachar coa imaxe das mulleres como suxeitos pasivos nos medios, coñecer a radio desde unha perspectiva feminista e achegarnos a desenvolver outras formas de facer cun discurso diverso e inclusivo”.

O obradoiro "Introdución á programación", impartido por Baltasar García, tamén entra na programación de obradoiros ofrecendo aos participantes “unha experiencia básica no desenvolvemento informático utilizando Python, da maneira máis sinxela posible” e tendo en conta que a programación é "unha competencia cada vez máis demandada". Tamén se oferta por primeira vez "Iniciación aos eSports", dirixido por Alejandro Domínguez, un obradoiro no que se afondará nos deportes electrónicos, coñecendo “as ferramentas que nos proporciona a rede para pasar de ser un xogador a un deportista”.

Volven, aínda que con novas formulacións, os cursos de cociña, patrimonio e astronomía. O "obradoiro de Cociña saudable", a cargo de Montserrat Míguez e Carolina Rodríguez, ensinará aos participantes a elaborar receitas cotiás utilizando ingredientes máis naturais e menos calóricos. Pola súa banda, "Interpretación do patrimonio", con Martiño Xosé Vázquez e Raúl Fernández, buscará “capacitar e achegar ferramentas de carácter práctico ao alumnado ligado ao patrimonio que contribúa a súa inserción laboral futura". Tamén repite o obradoiro "Iniciación á observación astronómica", de José Ramón Salgueiro, que permitirá aos participantes "coñecer os principais obxectos de observación astronómica", empregando o observatorio do campus.


Ler a nova completa no DUVI


Inscrición nos Obradoiros

Descarga o Catálogo de Obradoiros