banner

O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e sumándose a esta conmemoración a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o campus de Ourense veñen de convocar o Concurso de Videopoemas RosalíaTe. Nel convídase aos membros da comunidade universitaria a presentar nunha videogravación feita co teléfono móbil na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa, explican os organizadores, é transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.

Segundo explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación promotora da iniciativa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. Este ano, engade, baixo o título RosalíaTe, “propón actividades nas que se coñeza, recoñeza, recree e actualice a obra da autora fundacional da literatura galega e a través dela fomentar a conciencia como pobo, especialmente entre as xeracións máis novas”. O campus de Ourense, sinala a docente, “únese ao movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento cunha serie de iniciativas, como son a convocatoria deste concurso de videopoemas e a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro”. Nestas actividades participan a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.


Ler a notica completa no DUVI

Bases do concurso