banner

Dez obradoiros de temáticas moi diversas, 175 prazas, unha media de 30 horas de formación por cuadrimestre e un prezo que vai dos 26 aos 40 euros segundo o tipo de público. Con estes datos vén de facerse pública a oferta de obradoiros deste cuadrimestre e as aulas que se desenvolverán durante todo o curso no campus de Ourense. Unha vez máis, esta programación preséntase co obxectivo de complementar a formación tanto dos membros da comunidade universitaria como cidadáns en xeral en diferentes áreas, desde o teatro e a danza á sexualidade e o benestar integral.

Dando continuidade á traxectoria de anos anteriores, explica Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense, o groso da programación de obradoiros que comezará a impartirse no mes de outubro está formado polas aulas de teatro e danza, que despois de numerosas edicións xa son unha cita consolidada na programación cultural que organiza a Vicerreitoría do campus. Complementando estas propostas, como cada ano repítense obradoiros que tiveron éxito en anteriores edicións e introdúcense novas opcións xurdidas a iniciativa de membros da comunidade universitaria. Trátase no seu conxunto, apunta Filemón Rivas, de ofrecer posibilidades formativas a un público o máis amplo posible e atender as demandas de diferentes colectivos neste senso. A matrícula en liña nos obradoiros e aulas estará aberta do 25 de setembro ata o 6 de outubro, manténdose o prezo de 40 euros para o público xeral e 26 para os membros da comunidade universitaria.


Ler a nova completa no DUVI


Inscrición nos Obradoiros

Descarga o Catálogo de Obradoiros