banner

O día 16 de febreiro o campus de Ourense abrirá as súas portas a arredor de 300 escolares da provincia co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as futuras xeracións facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas.

Será na celebración da I Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo coa colaboración da Vicerreitoría do campus co gallo da conmemoración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

A cita, que leva por lema “exxperimenta en feminino”, foi presentada este martes no Edificio Politécnico por responsables de cada unha das entidades implicadas. Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou como esta xornada se enmarcan “na preocupación que temos por acadar que a muller se incorpore ás carreiras do ámbito científico e tecnolóxico” tendo en conta a tendencia de descenso que hai actualmente. “A súa ausencia é unha eiva para a sociedade no seu conxunto”, recalcou o vicerreitor.


Pola súa banda, Julia Carballo, profesora da Facultade de Ciencias e promotora da iniciativa xunto ás tamén docentes Alma Gómez e Nieves Lorenzo, foi a encargada de explicar as características desta actividade. Dela destacou como “naceu desde abaixo”, a iniciativa das profesoras implicadas e co apoio do persoal docente e investigador que quixo sumarse. Con esta xornada, comentou Carballo, “queremos que as nenas e os nenos vexan que as mulleres facemos ciencia”. A profesora tamén salientou a boa acollida dada polos centros educativos, indicando como recibiron solicitudes para asistir case 800 rapaces e rapazas, tendo que limitar a 300 o aforo polas características da actividade.


Programa da xornada