banner

O salón Marie Curie do Edificio Politécnico do Campus de Ourense acollerá o 15 de marzo a VII edición de Aquae Talent Hub, un encontro para mentes inquietas e curiosas que queren aprender sobre innovación, compartir coñecementos e ampliar a súa rede de contactos. Unha xornada que contará con Pablo Martínez Ruíz da Árbore, físico e científico senior do Instituto Tecnolóxico de Zúric (ETH), responsable da master class, e coa experta en design thinking Irene Lapuente, condutora do taller.

Aquae Talent Hub é unha plataforma de impulso a novas ideas; un espazo de reflexión e divulgación sobre emprendemento e innovación. Ao longo de 2017, celebrouse en Elxe, Murcia, Málaga e Santiago de Compostela, e este ano, ademais de Ourense, ten previsto visitar Marbella, Alacante e Murcia. O denominador común de todos eles é a innovación desde as súas distintas perspectivas: social, cultural, solidaria, colectiva e científica.

Na súa clase maxistral, Pablo Martínez Ruíz da Árbore explicaranos como fomos avanzando no coñecemento das partículas que forman o noso Universo e como os físicos estruturan o seu pensamento, deseñan os seus experimentos e establecen conexións para conseguilo. Xunto a el, o público explorará algúns exemplos históricos da Física de Partículas e penetrarase nos desafíos aos que se enfronta esta ciencia actualmente, como o descubrimento do Bosón de Higgs, a materia escura e as procuras actuais de Nova Física, que están a revolucionar o marco teórico actual.


máis información